Máis de 300 aspirantes para a Startupboobcamp de Berlín

luns, 6 de agosto do 2012 Fernando Sarasketa

Startupbootcamp, a iniciativa europea para impulsar start-ups (novas empresas de gran potencial de medre, xeralmente ligadas á innovación e ás novas tecnoloxías), anunciou esta fin de semana que xa conta con 300 aspirantes procedentes de 38 países de todo o mundo petando na porta do seu encontro en Berlín, a recta final do certame deste ano. Neste intre, sinala a organización, xa está en marcha o proceso de selección que reducirá o número de aspirantes a un grupo final de dez.
Os 20 primeiros dirixiranse ao equipo de Startupbootcamp e aos mentores no evento de selección, que se celebra o 10 e o 11 de agosto. Segundo informa a organización, a crise non impediu que se recibise un bo número de solicitudes: “Dende Noruega até Chile, novas empresas tecnolóxicas rexistráronse para formar parte do proxecto de aceleración e agardan ser seleccionadas para o programa intensivo de tres meses que as preparará para o Investor Demo Day de novembro, onde presentará nas súas ideas a fontes fiábeis de financiamento”.

PUBLICIDADE