Máis de 8 millóns de usuarios simultáneos seguiron o salto de Baumgartner a través de YouTube

luns, 15 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Tras varios intentos onte Felix Baumgartner completou con éxito a misión científica Red Bull Stratos, consistente nun salto en caída libre dende a estratosfera coa intención de superar a barreira do son, algo que nunca conseguira un ser humano fóra dunha aeronave, de xeito que conseguiu bater 3 records do mundo: o meirande salto dende unha plataforma (39.045 metros), a meirande distancia en caída libre (36.576 metros) e a máxima velocidade vertical (1.342,8 quilómetros por hora). Pero aínda que Baumgartner non conseguiu superar a marca de maior tempo en caída libre por uns segundos, o que si logrou foi converterse no vídeo en directo retransmitido por YouTube con máis usuarios simultáneos ata o momento, con máis de 8 millóns de espectadores concorrentes, demostrando a solvencia desta plataforma de vídeo que cada vez gaña máis peso.
A retransmisión a través de YouTube durou 2 horas, e aínda que fronte ás boas audiencias televisivas (só en Teledeporte xa contou con 4.323.000 espectadores) YouTube Live pode resultar pouco relevante, o feito de poder ofrecer de xeito masivo ao mundo un sinal de vídeo en directo vai camiño de revolucionar o xeito de consumir contidos audiovisuais.

Felix Baumgartner superou con éxito a proba establecendo varios records


Os momentos máis relevantes da retransmisión de onte

PUBLICIDADE