Máis de mil persoas visitaron Galiciadixital durante a súa estancia en Lugo

mércores, 13 de outubro do 2010 Raquel Noya

A exposición itinerante Galiciadixital, que coincidindo coas festas de San Froilán estivo en Lugo a pasada semana, rexistrou a visita dun total de 1.040 persoas, que se achegaron dende o 4 de outubro ata o pasado sábado á delegación territorial da Xunta de Galicia, onde permaneceu para o disfrute de pequenos e maiores.<br Na súa estancia na cidade a mostra contou con algúns dos seus contidos máis chamativos como o xogo Aerodeslizadores por Compostela, no que os espectadores puideron descender pola zona histórica dunha cidade galega virtual nun futurista “aerodeslizador” desenvolvido pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Asemade, Galiciadixital permitiulle aos seus visitantes somerxerse nun mundo virtual a través de proxeccións en tres dimensións como As cidades do camiño, visualización de imaxes panorámicas de 360º nunhas pantallas que colgan do teito, onde os usuarios poden realizar paseos virtuais xirando a pantalla coas súas mans por aquelas cidades polas que discorren os diversos camiños de peregrinación a Santiago, así como xogar co canciño Axóuxere ou converterse en tiraboleiros do Botafumeiro da Catedral de Santiago grazas ao tiraboleiro virtual, entre outras actividades.
Entre os últimos contidos incorporados á exposición destaca a película en catro dimensións Meta do Camiño, unha curtametraxe en 4-D, é dicir, tres dimensións acompañada por efectos especiais de vento, aroma e fume, onde un peregrino acompaña e ilustra ao visitante nun breve percorrido polos lugares máis relevantes da catedral de Santiago de Compostela.
Por último, ao igual que nas demais vilas galegas onde Galiciadixital estivo ao longo de todo o ano, a exposición instalada en Lugo tamén ofreceu os contidos máis novidosos e conmemorativos do 25º aniversario da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), compostos por unha exhibición de obxectos relacionados coa radio e a televisión, unha exposición de paneis nos que se resume a historia do ente autonómico e un Plató Chroma Key onde as persoas interesadas puideron converterse en presentadores dos informativos por un intre.

PUBLICIDADE