Máis do 55% de Oia conta xa con cobertura de fibra óptica de Movistar

mércores, 13 de outubro do 2021 S. P.

Un total de 1.500 vivendas e locais de Oia contan xa con cobertura de Fibra Óptica Até o Fogar (tecnoloxía FTTH polas súas siglas en inglés) de Telefónica, o que supón máis do 55% do municipio. Concretamente, as unidades inmobiliarias en cobertura atópanse nos núcleos de O Arrabal, A Barroca, Bragadela, Campo, Chavela, Granxa, Iglesia, Os Loureiros, Loureza, O Matovello, Mogollón, Mougás, O Outeiro, Pedróns, Pedra Rubia, Os Pérez, O Porto, Refoxos, Riña, O Serrallo, Serra Seca e Torroña.
A previsión de Telefónica é que a rede de fibra óptica vai ser obxecto dunha ampliación no municipio durante os vindeiros meses, co fin de dotar de cobertura a outro catro núcleos de poboación -As Mariñas, Os Preáns, Sobral e Vilar-, aumentando así en máis de 100 as novas unidades inmobiliarias en cobertura.
A posta en cobertura destes fogares, que xa foi comunicada á alcaldesa do municipio, Cristina Correa, significa que estas empresas e domicilios poderán gozar da fibra óptica de Movistar (que ofrece voz con alta calidade nas chamadas e máxima velocidade de conexión a Internet en varios dispositivos de xeito simultáneo e sen reducir velocidade de conexión) e, ademais, de disporen de Movistar+, terán acceso a canles de alta definición e poderá gozar dos seus contidos mentres navegan por Internet. Igualmente conseguirá a máxima velocidade e resposta nos xogos en rede.
O despregamento nos novos fogares agora en cobertura está impulsado polo Ministerio de Economía a través do Plan Nacional de Extensión de Banda Larga de Nova Xeración - PEBANG.
Na provincia de Pontevedra, máis de 250.000 fogares e negocios poden gozar xa da fibra óptica de Telefónica, o que supón máis do 67% da poboación.

PUBLICIDADE