Maldita Castilla estrea versión para Xbox One

mércores, 20 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Hai preto de catro anos o creador de videoxogos con inspiración retro Locomalito homenaxeaba ao clásico Ghost’n Goblins co seu Maldita Castilla, xogo para PC que veu a luz tras 20 meses de traballo e que rapidamente gañouse os corazóns de centos de nostálxicos que viron con moi bos ollos esta xogo que convidaba ao xogador a expulsar o mal das terras de Tolomera e así protexer o Reino de Castela.
Curiosamente o pasado 1 de abril anunciouse que este xogo que se inspiraba na figura do Cid Campeador e que presentaba a monstros e criaturas propias da mitoloxía medieval europea (en contraste coa ambientación artúrica do xogo de Capcom protagonizado por Sir Arthur) ía dar o salto a consolas grazas a Abylight Studios, e aínda que corríase o risco de que estivésemos ante unha broma do Primeiro de Abril, finalmente confirmouse que si era certo que o xogo independente ía gozar dunha versión mellorada, ampliada e de pagamento, Maldita Castilla EX, que hoxe mesmo ve a luz para Xbox One a un prezo de 11,99 euros.
Este novo xogo colócanos dentro da armadura de Don Ramiro, o máis leal cabaleiro do Rei Alfonso VI de León, que terá que expulsar aos mortos viventes e a criaturas demoníacas do Reino de Castela a través das 8 fases que compoñen este título de estilo arcade no que hai máis de 48 inimigos diferentes, 19 xefes finais, 15 logros desbloqueables e 4 finais diferentes.
Esta remasterización tamén renovou o aspecto sonoro, incorporou novos temas musicais e, para que o usuario poida personalizar a experiencia, permite elixir entre 8 modos de vídeo distintos.

JPEG - 94.6 KB
Maldita Castilla EX ten 19 xefes finais diferentes

Vídeo promocional de Maldita Castilla EX

PUBLICIDADE