Maldita Castilla estreará versión para Nintendo Switch este mes

martes, 15 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

O anuncio de que Abylight ía levar os seus xogos Maldita Castilla e Super Hydorah a Nintendo Switch foi moi ben recibido en marzo do ano pasado, e finalmente rematou a espera, e confirman que a cita de Don Ramiro coa consola de Nintendo para salvar a Tolomera del Rey dunha forza escura e demoníaca será o vindeiro 24 de xaneiro, e aínda que o seu prezo oficial sexa de 13,99 euros, os usuarios que o reserven a partires do 17 de xaneiro a través da Nintendo eShop poderán gozar dun desconto do 10%.
Maldita Castilla EX é xa todo un clásico moderno, con versións para PC, PS4, PS Vita, Xbox One e incluso Nintendo 3DS, nas que reflicte o espírito de xogos como Ghost’n’ Goblings, ao que rende homenaxe, pero mudando a súa ambientación para situala en Castela, o que muda as súa referencias mitolóxicas.
A versión para Nintendo Switch de Maldita Castilla EX funcionará a 60 imaxes por segundo, presenta 4 finais e 4 modos de pantalla diferentes, permite explorar 8 completas fases nas que hai repartidos máis de 48 inimigos e 19 xefes finais e, en definitiva, permítenos recuperar a esencia dos xogos de recreativa de 16 bits e confirmar que a Nintendo Switch está a converterse nunha das plataformas máis atractivas para os amantes do retro, cunha chea de lanzamentos nesta liña.

PUBLICIDADE