Mañá podería entrar en vigor o subvencionazo

mércores, 29 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

Directivos de Telefónica anunciando as súas probas en comuniacións 4G

Aínda que o Mobile World Congress é un evento no que os protagonistas son normalmente os fabricantes como Samsung, LG ou HTC, este ano para o público español resultaron máis rechamantes os anuncios de Telefónica, compañía que, aparte de desenvolver probas de comunicacións 4G e desvelar que vai colaborar con Mozilla para facer realidade dispositivos baseados en HTML5, comunicou que Movistar deixaría de subvencionar smartphones para pasar a financialos sen intereses coa colaboración de La Caixa, o que supón un drástico cambio do sector en España.
Os altos prezos dos móbiles avanzados e a guerra de portabilidades fai que a súa subvención deixe de resultar rendible, polo que a partir do 1 de marzo quen desexe facerse cun smartphone a través de Movistar deberá aboar prazos que van dende 10 euros/mes ata un máximo de 18 meses, para poder pagar o caro terminal, aínda que esta opción estará complementada con outras facilidades como ofertas, a recompra do móbil anterior (por ata un máximo de 245 euros) e os plans de puntos.
Aínda que esta medida non se anunciou oficialmente, xa hai compañías que reaccionan, como o fabricante LG, que a ve dun xeito moi positivo, pois ante unha posible falta de subvencións na compra de terminais os consumidores deberán mirar máis os móbiles que cubran as súas necesidades, dando un maior peso aos dispositivos de gama media, nos que o fabricante surcoreano está moi ben posicionado.
Os competidores de Movistar tamén poderían aproveitar esta oportunidade, aínda que parece máis probable que sigan os seus pasos recortando subvencións, o que podería fortalecer a posición no negocio de intermediarios como as tendas de electrónica de consumo (e outros distribuidores de telefonía móbil) ou as entidades bancarias. De todos os xeitos, o que parece evidente é que co subvencionazo os consumidores seremos máis conscientes de que os móbiles non son de balde.

HTML5 en dispositivos móbiles

Carlos Domingo, director de Desenvolvemento de Produto e Innovación de Telefónica Digital, e Brendan Eich, director tecnolóxico de Mozilla

O anuncio de que Telefónica Digital e Mozilla están a colaborar na creación dunha plataforma móbil de dispositivos baseados en HTML5 coñecida como Open Web Device (OWD) tamén foi un tanto rechamante, pois aínda que moitas das funcionalidades dun smartphone poidan empregarse en interfaces web, non estamos afeitos a ver algo así coas chamadas e a mensaxería, o que poderían facer posible mediante este proxecto conxunto.
O proxecto Boot to Gecko desbloquearía as limitacións do desenvolvemento web nos móbiles, achegando ferramentas para utilizar dende HTML5 toda a tecnoloxía dos dispositivos móbiles, o que permitiría dispositivos rápidos e de baixo custo, e abriría os dispositivos moito máis do que actualmente fai Android, aínda que non está claro que haxa espazo no mercado para sistemas operativos así (especialmente se atendemos á mala fortuna de MeeGo).

Así serían os terminais desenvolvidos por Telefónica e Mozilla

PUBLICIDADE