Mancomún libera unha nova versión do Galinux: a 9.04

venres, 29 de maio do 2009 Raquel Noya

Logo de que a pasada semana Mancomún publicase unha versión nova do metapaquete AraOS que se adaptaba mellor á 9.04 de Ubuntu (Jaunty Jackalope), este Centro de Referencia de Software Libre, vén agora de liberar algunhas aplicacións do Galinux para a mesma versión de Ubuntu, cumprindo así co seu compromiso firme de fornecer a toda a sociedade galega dun completo sistema operativo libre na súa propia lingua.
Esta nova versión de Galinux, ao estar baseada en Ubuntu Jaunty Jackalope, corrixe os erros contidos en Intrepid Ibex e mellóraos, segundo afirmaron os seus responsables, “en moitos aspectos”. Deste xeito, tal e como anuncian hoxe mesmo na web de Mancomun, os usuarios de Galinux que descarguen o novo sistema operativo, poderán comprobar unha actualización do contorno de escritorio a GNOME 2.26 así como “unha cualitativa mellora no rendemento do sistema, tanto en tempo de arranque como no lanzamento dos aplicativos instalados”.
A nova versión inclúe asemade preto de 50 megas de actualizacións de Ubuntu 9.04, incorporadas a maiores ata o día nos repositorios do sistema operativo base.
Dende que o Galinux fora presentado a finais do pasado ano, Mancomún xa publicou dúas versións do sistema operativo en galego, do que se levan repartidos máis de 23.000 exemplares e realizado preto de 35.000 descargas dende a Rede.
Esta versión, ao igual que a anterior liberación, poderá ser actualizada polos usuarios que así o desexen sen necesidade de reinstalar o seu computador, de dúas maneiras: a través do repositorio de Mancomún ou ben a través da descarga do CD, que permite probar o sistema en modo vivo para comprobar as súas vantaxes antes de instalalo.
Nembargantes, e pese ás melloras sustanciais que ofrece esta nova versión do noso particular sistema operativo, Mancomún recoméndalle o Galinux 8.04 a aqueles usuarios que se inician no seu uso xa que está baseada en Ubuntu 8.04 LTS e, polo tanto, é obxecto de actualizacións de seguridade por un tempo superior ás versións habituais.
O Galinux 8.04 pode obterse a través dos puntos de distribución ou tamén a través da descarga na web.

PUBLICIDADE