Mann A18, un smartphone resistente por menos de 200 euros

luns, 19 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Os móbiles reforzados para aguantar en condicións ambientais agresivas tenden a ser moi básicos, pero nos últimos tempos xa hai no mercado distintos smartphones capaces de aturar golpes, temperaturas extremas, auga e po, aínda que a prezos bastante elevados ata que pasamos por fabricantes chineses que conseguen casar con acerto un prezo atractivo cunhas boas prestacións, como podemos ver no Mann A18, un terminal con certificación IP68 capaz de aguantar ata 30 minutos a 2 metros de profundidade sen estragarse.
Este interesante móbil a proba de golpes funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon de dobre núcleo a 1,15 GHz con gráfica Adreno 203, 512 Mb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb), cámaras de 5 e 0,3 Mpíxeles, pantalla de 4 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, Wi-Fi N, Bluetooth, sistema operativo Android 4.0 (incluíndo entre as súas linguas o inglés, o portugués e o español), unha xenerosa batería de 2.500 mAh e a posibilidade de funcionar con 2 tarxetas SIM á vez (unha por 2G e outra por 3G). Non é así un dispositivo moi potente, pero que grazas a iso pode funcionar durante 4-8 horas de uso e 180 horas en espera, destacando polo feito de que a súa batería é extraíble (e incluso véndese cunha segunda batería, o que agradecerán os que non queiran quedar sen carga cando estean afastados dun enchufe de corrente). O seu prezo en tendas en liña como Chinavasion é de 192,98 euros (con descontos para 3 ou máis unidades), polo que resulta moi atractivo para quen precise dun móbil resistente e non queira prescindir das funcionalidades que achegan os smartphones actuais.

JPEG - 107.8 KB
O Mann A18 chega como un smartphone resistente e cun prezo contido


Vídeo promocional do Mann A18

PUBLICIDADE