Mans libres para telefonía fixa sen fíos

luns, 30 de maio do 2011 Marcus Fernández

Nos fogares hai tempo que son populares os teléfonos sen fíos con tecnoloxía DECT, que facilitan o uso de varios terminais cunha única base, e aínda que boa parte destes dispositivos conte con modos de funcionamento en mans libres, seguen a ter un tamaño considerable e son pouco transportables, de aí que Siemens comercialice o novo Gigaset L410, un pequeno mans libres que en vez de emparellarse por Bluetooth co noso móbil, pode funcionar na nosa rede sen fíos de telefonía fixa, ata a unha distancia de 50 metros da súa base (en interiores) e cunha autonomía de 120 horas en espera e 5 horas en conversa.
O Gigaset L410 mide 79 x 36 x 20 milímetros, pesa 31 gramos, ten 5 niveis de volume dos seus tons de chamada, pode vestirse grazas a unha pinza na súa parte traseira e inclúe unha base de carga. O seu prezo de venda é de 50 euros, e supón un complemento ideal para que quere empregar a telefonía móbil mentres realiza actividades como cociñar, limpar ou traballar no ordenador.

PUBLICIDADE