Marbly, o primeiro xogo exclusivo para móbiles do creador de Tetris

venres, 31 de maio do 2013 Marcus Fernández

O creador do Tetris, Alexey Pajitnov, volve á carga, e desta volta prepara unha serie de xogos para dispositivos móbiles en colaboración con WildSnake Software, que comezan con Alexey’s Challenge: Marbly, o primeiro xogo de Pajitnov exclusivo para móbiles e tablets, que vén de estrearse na App Store como aplicación Free-to-Play, de xeito que podemos descargalo de balde, podendo adquirir logo moedas para poder continuar a desbloquear quebracabezas e desafíos (sendo tamén posible gañar as moedas dentro do propio xogo, como vén a ser habitual dentro deste modelo de negocio).
A mecánica de Marbly é bastante sinxela, tendo que mover burbullas de cores aliñando 3 ou máis da mesma cor para facelas desaparecer ata limpar o escenario completo, o que pode facerse sen límite de tempo en escenarios normais ou con certas condicións (número máximo de movementos, tempo límite...) nos desafías que propón o xogo.
Na súa estrea Marbly presenta máis de 180 quebracabezas que solucionar, e integra o Game Center para contar con logros e taboleiros de puntuacións.

O xogo conta con máis de 180 quebracabezas

PUBLICIDADE