Mario Kart 8 non consegue salvar as contas de Nintendo

mércores, 30 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Os resultados económicos de Nintendo no segunda trimestre do ano veñen de facerse públicos, e non son boas novas para a compañía nipoa, pois aínda que prevían unha importante melloría tras un mal primeiro trimestre do ano grazas ao lanzamento do xogo Mario Kart 8, o feito de que tal título vendese 2,82 millóns de copias e que a Wii U vendese só 510.000 unidades (o que supón o 219% das vendas do mesmo período do ano anterior) dá a entender que o 80% dos compradores do novo xogo de Mario xa tiñan unha Wii U, ou sexa, que este grande título non tivo forza dabondo para atraer compradores de consolas.
Os ingresos de Nintendo foron de 74.695 millóns de iens durante o segundo trimestre de 2014, o que supón unha caída interanual do 8,4% e unhas perdas operativas de 9.470 millóns de iens, polo que a situación da compañía parece ir de mal en peor, non só polas malas vendas da Wii U, senón tamén pola caída de vendas das súa consoals portátiles, que limitáronse a 820.000 unidades, cando no mesmo período de 2013 conseguiron comercializar 1,4 millóns de Nintendo 3DS.
Aínda que Nintendo presentase novos títulos durante a pasada edición do E3, para o que resta de ano parece que o único título que pode ter bos resultados sería Super Smash Bros. para Nintendo 3DS e Wii U, xa que outros xogos como The Legend of Zelda: Hyrule Warriors e Bayonetta 2 non parecen ter pulo dabondo para mellorar a situación económica da compañía nipoa.

Mario Kart 8, pese ás súas boas vendas, non consegue remontar as contas de Nintendo

PUBLICIDADE