Mario Kart Tour chegará a móbiles o 25 de setembro

martes, 27 de agosto do 2019 Marcus Fernández

Por fin hai data! O agardado Mario Kart Tour, o primeiro xogo da franquía de Mario Kart para dispositivos móbiles chegará a iOS e Android o vindeiro 25 de setembro, estando xa aberta a súa reserva para recibir unha notificación cando o título estea dispoñible para a súa descarga.
O xogo presentará circuítos inspirados en localizacións do mundo real, así como outros recuperados da serie de xogos de consola, mantendo a estética e certas mecánicas clásicas, pero buscando converterse nun free-to-play de éxito, no que os usuarios recorran a compras dentro da aplicación para conseguir un bo rendemento económico chegando a unha base de usuarios moi ampla.
Teremos un xogo no que cada dúas semanas trasladará a acción a unha cidade distinta, na que tamén haberá pilotos temáticos, de xeito que as tempadas serán variadas, conseguindo así reter a atención dos usuarios.
Mario Kart Tour conserva elementos básicos como conducir, derrapar e lanzar obxectos, pero recorrendo a un sistema de control baseado no uso dun único dedo, polo que non será un título tan profundo como as versións de consola.
No xogo poderemos conseguir distintos pilotos, vehículos e ás, así como empregar obxectos poderosos para conseguir unha mellor puntuación, e así progresar nos taboleiros de puntuacións en liña. Queda por ver se conseguirá converterse no grande lanzamento do ano para móbiles (na liña do Super Mario Run) ou se quedará nunha posición máis discreta (como aconteceu con Dr. Mario World).

Vídeo no que podemos ver como será o xogo en acción

PUBLICIDADE