Mario Party 9 chega á Wii o vindeiro venres

mércores, 29 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

O vindeiro venres chega ás tendas o Mario Party 9, título para Wii que vén a ser o equivalente a un xogo de mesa no que participar en máis de 80 novos mini-xogos nos que os xogadores terán que facer pizzas, fuxir de mansións encantadas, participar en carreiras pola neve... con mecánicas moi sinxelas (hai que facerse co maior número de miniestrelas antes que o resto de contrincantes) para vender a Bowser.
En Mario Party 9 están presentes moitos personaxes do Reino Champiñón, dos que algún é a primeira vez que aparece na serie Mario Party, podendo gozarse do xogo tanto en individual ou con ata 3 amigos.
Entre as novidades do xogo está o novo modo Festa, que permite a 4 personaxes moverse polo taboleiro nun vehículo, do que tomarán o control por quendas nas que os avances estarán fixados por tiradas de dados, para ir a parar ás casiñas máis afortunadas.
Os novos modos de minixogos permitirán xogar aos mesmos sen precisar completar o taboleiro, para poder gozar da acción en todo momento.

Un dos minixogos do Mario Party 9 é o dos birlos goomba

PUBLICIDADE