Marvel’s Spider-Man: Miles Morales estrea versión para PC

venres, 18 de novembro do 2022 Marcus Fernández

A chegada de Marvel’s Spider-Man a PC foi todo un fenómeno, pero o xogo que lle deu continuidade, Marvel’s Spider-Man: Miles Morales tampouco queda atrás, e hoxe desembarca en Steam e na tenda Epic Games a un prezo de 49,99 euros, facilitando que os xogadores que non teñan unha consola poidan gozar das aventuras de Miles Morales e incluso poidan gozar de mellores gráficos se teñen un equipo potente, xa que esta versión do xogo é compatible con tecnoloxías como nVIDIA DLSS 3, nVIDIA Reflex, AMD FSR 2.1, Intel XeSS ou IGTI, á vez que tamén fai uso de trazado de raios e ofrece tamén compatibilidade con monitores con relacións de aspecto que van máis aló dos 16:9 dos televisores (como 16:10, 21:9, 32:9 e incluso 48:9, sendo esta última unha configuración para tres monitores).
Os que queiran gozar do xogo en PC do mesmo xeito que en consola, poden conectar un mando DualSense de PlayStation ao seu equipo informático a través de USB, aínda que o xogo tamén é compatible con controis máis propios dos sistemas informáticos como son o teclado e o rato, conseguindo así que cada xogador poidan gozar deste título ao seu xeito.
Aínda que poidamos entender este título como unha secuela do anterior Spider-Man, realmente estariamos ante unha expansión que medrou tanto que decidiron comercializala por separado, ou sexa, que Insomniac Games si lanzará no futuro unha secuela completa de Marvel’s Spider-Man¸ que contará coa presenza tanto de Peter Parker como de Miles Morales, entrando tamén en acción un personaxe moi esperado polos seareiros de Marvel: Venom.

PUBLICIDADE