Masacre estrea videoxogo para Xbox 360, PS3 e PC

martes, 25 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Un dos personaxes máis absurdos e divertidos do universo Marvel é Masacre (Deadpool en inglés) e, aínda que a súa presenza fóra da banda deseñada aínda é moi reducida, hoxe estrea nos EE.UU. videoxogo de seu, o que serve para reivindicar a figura deste mercenario lingoreteiro con poderes curativos e propensión á violencia desproporcionada. Aínda que o novo xogo xa está dispoñible dende España na súa versión para PC a través de Steam, para poder atopalo nas tendas españolas nas súas versións para Xbox 360 e PlayStation 3 teremos que agardar ao vindeiro venres, que é cando está previsto o lanzamento oficial deste xogo non recomendado para menores de 18 anos.
O xogo de Masacre é un título de acción en terceira persoa no que o protagonista empregará sables, pistolas, explosivos e todos os recursos que teña dispoñibles (por absurdos que parezan) para derrotar o malvado Mister Siniestro, para o que contará coa axuda doutros personaxes coñecidos da Marvel como Cable, Lobezno e Bolboreta Mental (Psylocke), entre outros.
Como mostra do que ofrece este curioso xogo temos o seu trailer de lanzamento (subtitulado ao español):

O xogo de Masacre ofrece acción trepidante en terceira persoa