Mass Effect 3 estrea o episodio descargable Leviatán

mércores, 29 de agosto do 2012 Marcus Fernández

O xogo Mass Effect 3, que pon fin á saga do Comandante Shepard, pese a chegar a unha conclusión, non está pechado a ampliar a súa experiencia de xogo, de aí que hoxe estree Leviatán, un novo capítulo descargable que presenta unha subtrama na que Shepard ten que atopar a un ser chamado Leviatán que podería ter a capacidade de terminar cun segador, pero do que non se coñece nin da súa existencia nin localización. Este contido descargable tamén inclúe novas zonas, novos personaxes secundarios e novas armas, e pode mercarse no Bazar de Xbox LIVE por 800 Microsoft Points (9,6 euros), mentres que a versión para PS3 e PC custa 9,99 euros.
Os seareiros desta grande saga de Bioware teñen aquí unha nova oportunidade para ampliar a historia que os cativou durante varios anos e que en breve tamén poderán gozar dende outras plataformas, xa que Mass Effect 3 terá unha versión para Wii U a finais do presente ano, contando con algunhas melloras con respecto das anteriores versións para PS3 e Xbox 360, como contar cos finais ampliados que hai pouco chegaron en formato descargable en resposta ás críticas recibidas por moitos usuarios que se sentiron decepcionados polo xeito no que remata a historia de Shepard. Os responsables desta versión do xogo serán os membros do estudo Straight Right, filial de Tantalus Media que desenvolveu a versión para iOS de Need for Speed: Shift 2 Unleashed.

Leviatán narra unha historia inserida na trama de Mass Effect 3


Trailer do novo DLC para Mass Effect 3

PUBLICIDADE