MeLiSA lévanos á enriquecedora confluencia entre ciencia e software libre

mércores, 24 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

Este xoves 25 de abril toca falar ben alto sobre programas abertos e tecnoloxías que se comparten e que se melloran compartíndoas. Estamos a falar da segunda Xornada de Presentación de Software Libre para Uso Científico, que se celebra a partir das 9.00 horas (até as 13.00) na aula magna da Facultade de Matemáticas da USC co obxectivo de favorecer o intercambio de coñecementos e experiencias ao redor dos programas sen cancelas no eido da investigación.
Asemade, presentarase a versión 4.0 de BioStatFLOSS, que unha escolma de software libre de utilidade para estudos de saúde, investigación biomética e formación bioestatística.
A cita vén da man da Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melida (MeLiSA), e conta co apoio de AMTEGA e da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela.
O programa de actividades dará comezo ás 9.00 horas, coa recepción de asistentes, para dar paso pouco despois á inauguración e á benvida, a cargo de Rafael Rodríguez Gayoso, presidente de MeLiSA. Máis tarde será a quenda dos relatorios, a cargo de Rosa Crujeiras Casais (Ciencia en aberto), Francisco Pena Brage (Cálculo con software libre: Octave e Sagemath) e Juan Carlos Arroyo (Ferramentas útiles para desenvolvedores). Logo da pausa para o café do mediodía, retómanse as conferencias da man de Rafael Rodríguez Gayoso (CKAN: datos abertos e accesíbeis), María José Ginzo Villamayor (Sistemas de información xeográfica: QGIS) e Miguel Ángel Rodríguez Muíños (BioSatFLOSS 4.0: Escolma de Software Libre Científico para Windows).

PUBLICIDADE