Medio Ambiente interésase por un proxecto para loitar contra o cambio climático coa axuda dos móbiles de cada quen

luns, 14 de xuño do 2021 S. P.

As responsábeis e promotoras do proxecto tecnolóxico-ambiental Gal2050 presentaron os detalles e posibilidades da súa proposta (o seu traballo de fin de mestrado) ante a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez. As impulsoras da iniciativa (Lucía Cancela, Carme Domínguez e Cinthya Martínez) puxeron o foco nas potencialidades da mesma para loitar contra o cambio climático dende a nosa terra, concienciando á sociedade sobre o importantes cambios que está sufrindo a Terra e as terríbeis consecuencias deste proceso para o ano 2050. Ángeles Vázquez gabou a capacidade de innovación do proxecto que, segundo dixo, “conecta obxectivos institucionais con ferramentas sociais para aumentar a posición referente de Galicia fronte ao fenómeno global do quecemento do planeta”.
Tal e como lle explicaron as impulsoras á conselleira, búscase crear unha comunidade con conciencia sobre este fenómeno global e definir un modelo de divulgación e comunicación que se poida extrapolar a outro territorios, tendo como alicerce principal as novas tecnoloxías da información.
A iniciativa propón habilitar códigos QR en lugares estratéxicos da xeografía galega polos que pasan moitas persoas, como a Praza do Obradoiro ou as Illas Cíes, cos que acceder a información visual sobre o impacto do cambio climático neste puntos concretos.
A modo de exemplo, na praia das Catedrais, en Ribadeo, o código QR que se consulta permitirá ver en Realidade Aumentada como actuaría a subida do nivel do mar na praia e na paisaxe.
Tanto a titular de Medio Ambiente como as tres mozas responsábeis de Gal2050 coincidiron “na necesidade de dar unha viraxe ás accións presentes de concienciación e, en consecuencia, as futuras e, sobre todo, “facer ver que ante unha situación de perigo, hai solucións”; polo que “resulta imprescindíbel que os cidadáns coñezan os aspectos específicos do cambio climático, e os seus efectos”.
Ángeles Vázquez felicitou unha vez máis ás promotoras polo seu proxecto e indicoulles que “son un exemplo da importancia que ten a implicación da xente moza na loita contra o cambio climático, xa que son a xeración que herdará o planeta, polo que a súa participación e voz neste reto é fundamental”.

PUBLICIDADE