Mega Man terá un sucesor espiritual a través do micromecenado

luns, 2 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Tras 23 anos en Capcom, no outono de 2010 Keiji Inafune deixou a compañía e creu outra de seu Comcept, á que se incorporaron moitos dos profesionais que traballaban con el no desenvolvemento da franquía de xogos de Mega Man, que é unha das súas creacións máis destacadas e que parece quedar marxinada en Capcom dende a partida de Inafune, polo que os seareiros do icónico androide estarán contentos de saber que hai un proxecto en Kickstarter que facilitará a recuperación espiritual do personaxe no xogo Mighty No. 9, que en apenas 2 días xuntou os 900.000 dólares que precisa para converterse en realidade na primavera de 2015.
Mighty No. 9 será un xogo de acción con desprazamento lateral que recuperará a estética dos clásicos de 8 e 16 bits, estará protagonizado por un robot chamado Beck, que é o 9º da súa liña de produción (de aí o título do xogo), que foi o único que non se infectou dun virus que provocou a revolución das máquinas e que terá que correr, saltar, disparar e transformarse a través de 6 (ou máis) fases para derrotar aos seus predecesores utilizando armas e habilidades que tomará dos seus inimigos.

JPEG - 98.9 KB
Nos deseños de Mighty No. 9 participan moitos dos responsables de anteriores entregas de Mega Man

O deseño do xogo bebe directamente das fontes de Mega Man, está a desenvolverse para PC para a súa distribución sen DRM e a través de Steam (aínda que tamén é de agardar que chegue a OS X e Linux). Os mecenas que queiran facerse co xogo cando estea rematado terá que pagar dende 20 dólares (15,13 euros), existindo recompensas moi atractivas para achegas superiores que van dende versións en formato físico do xogo ata cear co propio Keiji Inafune, pasando por mercadotecnia como camisetas ou un modelo dun dos inimigos finais impreso en 3D.

PUBLICIDADE