Memup presenta novos discos duros multimedia

martes, 11 de novembro do 2008 Marcus Fernández

O Mediadisk DNX incorpora un lector de DVD

Memup responde á demanda de vídeos de alta definición con discos duros multimedia, que parten do Mediadisk TWX, que é un modelo con Wi-Fi, Ethernet e 2 portos USB (para ler contidos de memorias USB ou discos duros externos) que pode reproducir vídeos en formatos coma o MPEG-1/2/4, DivX, XviD e VirtualDVD (por desgraza non soporta o contedor Matroshka) con resolucións de ata 1.920 x 1.080 en progresivo, servindo tamén para a reprodución musical e a visualización de fotografías. Funciona con discos duros SATA de 3,5 polgadas, mide 19,3 x 6 x 18,7 centímetros e pesa 1,3 quilogramos.
Pero o Mediadisk DNX resulta máis rechamante, pois aínda que carece de Wi-Fi, comparte as características multimedia co disco duro anterior, pero integrando tamén un reprodutor de DVD o que incrementa lixeiramente o seu tamaño (23 x 17,5 x 6,7 centímetros) e peso (1,55 quilos). Tamén inclúe un total de 3 portos USB.
Polo momento non se coñecen os discos duros que se integrarán nestes dispositivos nin os seus prezos.

O Mediadisk TWX permite reproducir contidos en rede

PUBLICIDADE