Meta non traerá a súa IA multimodal a Europa

xoves, 18 de xullo do 2024 Marcus Fernández

En numerosas ocasións estamos a ver como as compañías estadounidenses adían a chegar a Europa de funcionalidades relativas á intelixencia artificial, para frustración de moitos europeos, e a cousa semella que vai ir a peor, pois a voceira de Meta, Kat McLaughling, vén de confirmar que «lanzaremos un modelo Llama multimodal nos vindeiros meses, pero non na Unión Europea debido á natureza impredicible do contorno regulatorio europeo».
Meta opta pola prudencia, e para evitar sancións da Comisión Europea, deciden que os seus modelos de intelixencia artificial capaces de manexar texto, imaxe, audio e vídeo, pese a ofrecerse mediante licenzas abertas, non se ofrecerán os usuarios e ás compañías europeas.
Cómpre lembrar que Meta xa ten unha chea de funcións de IA en Facebook, WhatsApp e mesmo as lentes de Ray-Ban, que aínda non están dispoñibles na Unión Europea, e semella que a cousa vai permanecer así a longo prazo, agás que a normativa europea vaia quedando máis clara para os xigantes da Internet, que están a ter serios problemas principalmente no que respecta ao tratamento de datos persoais dos cidadáns europeos.