Metal Gear Rising: Revengeance amosa no Xapón as súas edicións especiais

xoves, 25 de outubro do 2012 Marcus Fernández

O xogo Metal Gear Rising: Revengeance, pese a estar fóra da saga de Metal Gear Solid, está a captar moita atención no Xapón, de aí que Konami decidise que vai vender alí un par de edicións especiais deste título. Por unha banda contará cunha edición Premium que inclúe o xogo en caixa metálica, un libro de ilustracións e un par de figuras dunhas criaturas chamadas Gekko que aparecerán nesta nova aventura de Raiden. Tamén incluirá un traxe descargable para o protagonista do xogo e venderase por 9.980 iens (95,95 euros).
Por outra banda, os que teñan maior afán de coleccionismo poderán adquirir por 12.980 iens (124,79 euros) unha edición chamada Premium Package Konami Style Special Edition que incluirá todo o anterior xunto cunha figura articulada de Raiden.
Polo momento non se anunciou o lanzamento destas edicións en España, aínda que non sería de sorprender que se distribuíse internacionalmente en vista do pulo que teñen todos os produtos baixo a marca Metal Gear.

JPEG - 32.2 KB
A versión máis completa do xogo incluirá unha figura de Raiden

PUBLICIDADE