Microsoft Ibérica nomea a Bárbara Olagaray directora de Relacións Institucionais e da Área Legal

xoves, 18 de febreiro do 2010 Raquel Noya

Bárbara Olagaray Gatto, unha licenciada en Dereito pola Universidade Iberoamericana que conta con máis de 20 anos de experiencia profesional como conselleira legal e asesora xurídica tanto en organismos públicos como en firmas privadas, vén de ser nomeada por Microsoft Ibérica como directora de Relacións Institucionais e da Área Legal da compañía, un posto onde poderá aplicar os seus amplos coñecementos de dereito empresarial e entorno xurídico.
Dende este novo posto, Olagaray desempeñará un dobre labor: por un lado liderará o establecemento e desenvolvemento da estrutura de programas dirixidos á regulación e defensa legal de Microsoft Ibérica, garantindo asemade o cumprimento das políticas de bo goberno corporativo da filial; e por outra banda, na súa faceta de responsable de Relacións Institucionais, Bárbara será a encargada de coordinar todos aqueles plans e iniciativas da compañía encamiñados a potenciar o compromiso do fabricante de software cos actores fundamentais do panorama socioeconómico local.
Neste campo de responsabilidade, será a voz de Microsoft na defensa conxunta, xunto con entidades públicas e privadas, dos valores que garanten un entorno axeitado para impulsar a innovación no terreo do software, tales como a defensa da propiedade intelectual, a aposta pola interoperabilidade ou a preservación da seguridade e a privacidade nas novas tecnoloxías.

PUBLICIDADE