Microsoft Teams quere evitar a fatiga das xuntanzas multitudinarias

mércores, 8 de xullo do 2020 Marcus Fernández

A solución de Microsoft para traballo en grupo, Microsoft Teams, está a recibir numerosas novidades como reacción ao uso masivo deste tipo de solucións que facilitan o traballo e a educación en liña por mor da pandemia, resultando especialmente rechamante o novo modo Together, que busca principalmente reducir a fatiga causada polas videoconferencias en grupo na que podemos ver a multitude de interlocutores de xeito simultáneo, o que decidiron atallar combinando a tecnoloxía de eliminación de fondo coa agrupación dos distintos participantes nun único escenario, de xeito que manter unha videoconferencia grupal sería semellante a falar ante un auditorio (ou cuns amigos nunha cafetería, se falamos dunha xuntanza con poucos participantes).
O modo Together de Microsoft Teams estreará a vista de auditorio no mes de agosto, contando con novas vistas nos vindeiros meses. Na mesma liña tamén ofrecen novas vistas dinámicas, como a posibilidade de ver até 49 persoas á vez nunha xuntanza ou a posibilidade de fragmentar xuntanzas en subgrupos para facilitar as discusións de traballo.
Outras novidades que integrarán aos vídeos é a posibilidade de aplicar filtros de imaxe (podendo así corrixir niveis de iluminación ou axustar o enfoque da cámara), as reaccións en directo mediante emoticonas, as burbullas de chat e a posibilidade de ver o nome do usuario de quen se estea a realizar unha transcrición de voz a texto.
As xuntanzas de Teams tamén medran até os 1.000 participantes activos, aínda que se contamos a posibilidade de participantes que só poden mirar poderiamos organizar xuntanzas con até 20.000 participantes.
Microsoft tamén está a facer máis accesible o uso de Teams nas empresas, polo que presentan dispositivos con pantalla específicos para realizar xuntanzas de Microsoft Teams, como o Lenovo ThinkSmart View, que permiten levar o control da axenda de xuntanzas e realizar videoconferencias en grupo coa comodidade dunha pantalla táctil ou para un uso en mans libres tirando proveito das ordes de voz administradas por Cortana.

Vídeo de presentación do modo Together de Microsoft Teams

PUBLICIDADE