Microsoft merca Mojang por 2.500 millóns de dólares

luns, 15 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Phil Spencer durante a presentación da versión de Minecraft para Xbox 360

Os rumores de que Microsoft estaría a piques de mercar Mojang AB confírmase finalmente, e a compañía de Redmond xa anuncia por todo o alto que a franquía de Minecraft e a compañía que a creou pasan a formar parte do seu equipo, o que permite que Microsoft poida amparar a millóns de usuarios dun xogo nacido en 2009 e que conseguiu un éxito global sen precedentes.
Dende Microsoft admiten que esta operación veuse influída pola boa relación con Mojang dende que prepararon a versión de Minecraft para Xbox 360, xogo que en dous anos conseguiu superar os 2.000 millóns de horas de xogo en Xbox LIVE, de xeito que dende a compañía norteamericana puideron ver claramente o potencial detrás deste fenómeno de masas que actualmente está dispoñible para PC, Xbox, PlayStation, iOS e Android. A cantidade que tería pagado Microsoft por Mojang AB sería incluso maior da rumoreada anteriormente, chegando aos 2.500 millóns de dólares.

Markus Persson e Jens Bergensten durante a presentación da versión para Xbox 360 de Minecraft

Como estaba previsto, ao anuncio da venda de Mojang a Microsoft seguiulle unha carta aberta de Markus Notch Persson anunciando que deixaba a compañía e asegurando que non é realmente un desenvolvedor de videoxogos, senón que se meteu nesa industria por diversión, sen buscar crear grandes éxitos, polo que redirixirá os seus esforzos a outros proxectos e experimentos (deixando claro que a súa vocación non é nin dirixir nin emprender). De feito, lembra que xa hai bastante tempo que se afastou do desenvolvemento de Minecraft, quedando este nas mans de Jens Bergensten, quen si continuará na compañía. Remata agradecendo aos usuarios por facer de Minecraft algo tan grande, e recoñecendo que o proxecto medrou demasiado para el polo que o deixa, non por cartos, senón pola súa propia cordura.

PUBLICIDADE