Microsoft presenta un teclado portátil compatible con Windows, iOS e Android

martes, 16 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Microsoft presentou hoxe un novo teclado portátil pensado para funcionar indistintamente con dispositivos con Windows, iOS e Android, facilitando os traballos de produtividade en mobilidade e buscando así suplir as carencias do uso ineficiente e incómodo de teclados virtuais en pantalla.
Co Microsoft Universal Mobile Keyboard búscase pode empregar o mesmo dispositivo de entrada de texto, por exemplo, nun tablet ou portátil con Windows, nun iPad e nun smartphone con Android, contando este accesorio cun deseño optimizado para o seu transporte, xa que o teclado inclúe unha cuberta que pode servir como soporte para un tablet, e que cando se pecha sobre o teclado non só o protexe, senón que tamén o apaga.
Este novo produto de Microsoft porase á venda no mes de outubro a un prezo de 79,95 dólares (61,68 euros), e entre as súas especificación podemos indicar que ten unhas dimensións de 242 x 109 x 12 milímetros, batería recargable que achega unha autonomía de até 6 meses de uso cunha única carga (podendo tamén obter 8 horas de autonomía con só 10 minutos de carga), pode emparellarse con até 3 dispositivos distintos mediante Bluetooth e a súa tecla de Inicio é compatible con Windows, Android e iOS.


Vídeo de presentación do novo teclado portátil de Microsoft

PUBLICIDADE