Might & Magic Heroes Online estréase vía web

martes, 30 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Ubisoft anuncia hoxe o lanzamento de Might & Magic Heroes Online, un novo xogo de rol que chega directamente ao noso navegador web baixo a fórmula do free-to-play, permitindo así que poidamos gozar deste título en inglés, francés ou alemán, sen precisar de instalar ningunha aplicación adicional no noso equipo informático.
Este xogo leva meses en fase de proba, para así desenvolver as súas prestacións máis interesantes, como batallas de asedio, misións de sitio e areas PvP, mantendo os elementos xogables propios dos títulos da franquía de Might & Magic. Ao estarmos ante un xogo en liña poderemos tirar proveito da formación de gremios e de modos de xogo cooperativos, sen ter que sacrificar o elemento gráfico, xa que este xogo consegue reproducir uns gráficos detallados grazas ao potencial para tal fin que teñen os navegadores web modernos, cada vez máis aptos para este tipo de desenvolvementos.
Este xogo chega nun bo momento, xa que Might & Magic Heroes VII aínda está en desenvolvemento, e non se espera o seu lanzamento até o ano que vén (nunha data aínda por determinar).


Trailer de lanzamento do novo RPG en liña

PUBLICIDADE