Milladoiro (Ames) acolle o 10 de decembro o evento tecnolóxico Día da AMTIC

luns, 28 de novembro do 2022 Lucía Villaverde

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, organiza o evento tecnolóxico Día da AMTIC, que se desenvolverá o sábado 10 de decembro na Casa da Cultura do Milladoiro. Haberá actividades como obradoiros de Administración Electrónica, de impresión 3D ou do programa GIMP e edición e retoque de fotos para todos os públicos, así como distintos espazos permanentes con torneos e actividades participativas, todos eles de balde, e unha charla denominada Adiccións e videoxogos. Como evitar que o meu fillo/a me arruíne, da man do doutor José Luis Montiel, actualmente responsabel do servizo médico CAPD Sarria, ademais de asesor e organizador de eventos e director executivo (CEO) de GG ViewSonic SimRacing Team.
A concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Información, Natividade González, presentou este luns 28 de novembro o programa da xornada, acompañada pola técnica responsábel da Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro (AMTIC), Almudena Caamaño, así como por José Negreira, que acudiu en representación da empresa organizadora do evento, Os Ventos.
A actividade celébrase con motivo do Día Mundial da Informática, que se conmemora o día 9 de decembro en homenaxe a Grace Murray Hooper, muller pioneira na programación que colaborou no primeiro ordenador electromagnético do mundo.
Natividade González, explicou que un dos principais obxectivos da actividade é que a poboación amesá poida “seguir coñecendo a aula AMTIC con obradoiros que están pensados para todos os públicos”. Así mesmo, Almudena Caamaño indicou que “a aula AMTIC abriu no mes de maio, e desde entón leva programando unha serie de actividades (...) pensadas para todo o público, sen límites de idade”. Pola súa banda, José Negreira, comentou que “os talleres de administración electrónica son cada día máis necesarios para poder relacionarse co Concello e facilitar os trámites nesta era dixital”.
Programa do evento
A partir das 11:00 horas terá comezo o obradoiro de Administración Electrónica, especialmente enfocado na sede electrónica do Concello de Ames. De 12:30 a 13:30 e de 18:00 a 19:00 horas celebraranse dous obradoiros de impresión 3D e, finalmente, de 16:30 a 17:30 horas, o taller sobre o programa de edición de imaxes GIMP. Para asistir a estes obradoiros é necesario inscribirse por correo electrónico, indicando o taller no que se quere participar, nome, apelidos e un teléfono de contacto.
Por outro lado, os espazos abertos de actividades permanentes estarán instalados na Casa da Cultura de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Celebrarase o taller Hama beads na sala de usos múltiples, instalarase un obradoiro de creación de espadas láser, e haberá un espazo de consolas: un torneo de FIFA no auditorio (para o que tamén será necesario anotarse por correo electrónico), e a actividade Xogando con Nintendo Switch no vestíbulo.
A conferencia Adiccións e videoxogos. Como evitar que o meu fillo me arruíne será ás 12:30 horas. A entrada é libre ata completar aforo.
Para máis información sobre a xornada pódese chamar ao número de teléfono 981 535 940 ou escribir ao enderezo informatica.milladoiro@concellodeames.gal.