Minia Manteiga, investigadora do CITIC da UDC, vicepresidenta da Sociedade Española de Astronomía
luns, 25 de xaneiro do 2021
A
investigadora
do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña,
Minia Manteiga, foi nomeada vicepresidenta da Sociedade Española de
Astronomía. O nomeamento fíxose efectivo neste mes de xaneiro e
ocupará o cargo durante os vindeiros catro anos. A investigadora é
a primeira catedrática de Astrofísica en Galicia, especialista en
evolución estelar, astrofísica espacial e Big Data Astronomy,
e docente na Escola Superior de Náutica e Máquinas da Universidade
da Coruña.
A
Sociedade Española de Astronomía renovou este mes a súa xunta
directiva, mantendo o seu obxectivo de dar servizo á comunidade
astronómica e sumar esforzos para promover o desenvolvemento da
Astronomía e Astrofísica en España.
O
CITIC lembra que máis de 800 profesionais están agrupados nesta
sociedade que acolle, entre eles, a 600 doutores en Astrofísica e
200 membros júniors.
A
designación de Minia Manteiga como nova vicepresidenta do organismo
está acompañado polo nomeamento do investigador do Centro de
Astrobioloxía, CSIC-INTA, Benjamín Montesino, que ocupará o cargo
de presidente; o profesor de Universitat de les Illes Balears, Ramón
Oliver, como tesoureiro; e a investigadora da Universidade de La
Laguna e Instituto de Astrofísica de Canarias, Josefa Becerra, como
vocal.
Manteiga
destacou que “a pesar das dificultades deste último ano, é
especialmente emocionante poder traballar en astronomía nestes
momentos en España”. Tamén indicou que “os retos aos que nos
enfrontamos na actualidade deben ir da man da necesidade dun rotundo
cambio social cara a igualdade de xénero e a conciliación familiar,
temas nos que o noso avance como sociedade é lento pero imparable”.
Minia
Manteiga é unha das catro científicas académicas numerarias da
Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), foi previamente presidenta
do Grupo de Astrofísica (GEA) da Real Sociedade Española de Física
e é membro da Unión Astronómica Internacional (IAU) e da Sociedade
Europea de Astronomía (EAS). Forma parte tamén do Grupo Galego da
Misión Espacial Gaia, un ambicioso proxecto da Axencia Espacial
Europea que ten como obxectivo crear un mapa tridimensional da Vía
Láctea.