Mirror’s Edge Catalyst sae á venda esta semana para Xbox One, PS4 e PC

martes, 7 de xuño do 2016 Marcus Fernández

No ano 2008 Electronic Arts conseguiu innovar co seu xogo Mirror’s Edge, xogo de plataformas en primeira persoa moi ben valorado pola crítica, pero que non foi debidamente apoiado polo público, posiblemente por tratarse dunha franquía totalmente nova e non moi promocionada, e ao igual que aconteceu con Dead Space (xogo ao que lle acontecera o mesmo, pero que finalmente converteuse nunha saga de éxito) durante o E3 de 2013 confirmaran que querían dar unha nova oportunidade a Faith, corredora nun futuro distópico, que en vez de volver nunha secuela preséntase nunha reinterpretación da historia anterior en Mirror’s Edge Catalyst, título hoxe mesmo sae á venda nos EE.UU., e que a partires do xoves teremos en Europa para Xbox One, PlayStation 4 e Origin (PC), plataformas para as que xa pode reservarse.
Este novo xogo recupera as aventuras de Faith, valente corredora que loita pola liberdade na cidade de Glass explorando todos os seus currunchos, dende os tellados máis luminosos até os túneles máis escuros. Neste xogo de acción en primeira persoa haberá que combinar áxiles movementos de parkour con técnicas avanzadas de combate para avanzar nunha historia que levará a descubrir unha conspiración.
Confíase en que este xogo, desenvolvido co motor Frostbite, poida estar á altura do xogo orixinal, pero aproveitando as prestacións das consolas de nova xeración, ofrecendo así unha experiencia única.

Aparte de ser un xogo de plataformas en primeira persoa (proposta bastante atrevida), en Mirror’s Edge Catalyst tamén hai pequenos combates con mecánicas moi áxiles

Tráiler de lanzamento de Mirror’s Edge Catalyst

PUBLICIDADE