Modernización achega 15.000 euros para o Master en Consultoría de Software Libre de Vigo

luns, 20 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

A Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo vai dar acubillo a unha nova edición do Master en Consultoría de Software Libre correspondente ao curso 2011-2012. Esta actividade formativa a prol dunha meirande preparación e coñecemento dos nosos profesionais en materia de programación aberta (fundamental nestes tempos en que é máis preciso ca nunca tirar barreiras informáticas abaixo e favorecer a innovación participativa), conta co apoio da propia Universidade e da Secretaría Xeral de Modernización, que porá en xogo 15.000 euros para o seu desenvolvemento, segundo se recolle nun convenio formalizado polo departamento da Xunta que dirixe Mar Pereira e a institución educativa que rexe Salustiano Mato.
A iniciativa de formación, que conta con 60 créditos e vén artellada en catro módulos, ten como finalidade “a formación de profesionais cun coñecemento amplo e sólido que os capacite para dirixir proxectos e levar a cabo tarefas en ámbitos concretos das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) aplicando métodos e ferramentas baseados en software libre e códigos de fontes abertas (FLOSS)”.
As vantaxes do Master -e de outras actividades semellantes de ensinanza e divulgación arredor de códigos abertos- ten especial relevancia tecnolóxica, non só para o propio alumnado que se beneficia directamente do mesmo (que adquire competencias concretas en deseño de software libre e na súa aplicación práctica no eido dos negocios, a administración ou as iniciativas sociais), senón tamén para as nosas empresas, que teñen a oportunidade de facerse con profesionais que impulsen a súa vertente de programación máis competitiva apoiándose na experiencia doutras empresas e plataformas (coñecemento compartido) e sen que sexan precisos grandes investimentos.
Os catro módulos do Master teñen diferentes obxectivos formativos como afondar nas oportunidades que ofrecen os modelos de desenvolvemento de aplicacións de xestión baseados en software libre, avaliar os principais conceptos de estrutura da empresa e estudar os principais métodos de auditoría e mellora continua en solucións TIC “co fin de xestionar de modo axeitado a infraestrutura tecnolóxica da organización”.

PUBLICIDADE