Modernización destina preto de 8 millóns de euros para axudas a empresas do sector TIC
luns, 5 de abril do 2010
Segundo se
recolle en dúas resolucións que se publicarán nos vindeiros días no Diario
Oficial de Galicia, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica,
departamento que dirixe Mar Pereira, vai aprobar dúas convocatorias de axuda destinadas
ao sector empresarial TIC por un importe de preto de 8 millóns de euros dos
cales se destinarán 5.375.748 euros a subvencionar proxectos de cooperación
para o fomento da empresa dixital.
As devanditas
resolucións achegan que as iniciativas que se presenten deberán abordarse desde
a cooperación entre empresas e contar cun promotor que lidere o proxecto
demandando novos produtos e servizos das Tecnoloxías da Información e a
Comunicación e, a lo menos, cun socio tecnolóxico con capacidade para prestar
eses servizos ou produtos. A tarefa de promoción ou liderado pode ser asumida
por empresas ou asociacións empresariais, debendo traballar conxuntamente e
acadar éxito no proxecto. Tamén deberán permitir que os socios tecnolóxicos
poidan aplicar o coñecemento acadado a outros interesados do mesmo ou distintos
sectores económicos.
A convocatoria
de axudas contempla actuacións subvencionables, tanto na demanda
empresarial en solucións TIC como na resposta tecnolóxica en solucións TIC. A
primeira opción está orientada para que as empresas e asociacións empresariais
de calquera sector económico poidan identificar tarefas, problemas e situacións
concretas da súa actividade empresarial que necesitan novos produtos e servizos
das Tecnoloxías da Información e a Comunicación. No segundo caso, as
subvencións para a resposta tecnolóxica en solucións TIC está destinada a
empresas que desenvolven a súa actividade económica especificamente no ámbito
das Tecnoloxías da Información e a Comunicación para que poidan poñer en marcha
novos produtos e servizos que resolvan tarefas, problemas e situacións concretas
da actividade empresarial da entidade líder do proxecto de cooperación.
Mar Pereira
anunciou que o seu organismo “potenciará
o desenvolvemento do sector empresarial da sociedade da información cunha
achega de 2.550.000 euros”, os cales servirán para completar dúas liñas de
axudas: a das capacidades e a dos desenvolvementos TIC das empresas galegas.
