Modernización recibe a representantes de AETIC en Galicia

martes, 23 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

A secretaria xeral de Innovación e Modernización Tecnolóxica, Mar Pereira, recibiu esta mañá aos representantes do Consello Territorial da Asociación de Empresas de Electrónica, Tecnoloxías da Información e Telecomunicacións de España (AETIC), que expuxeron o seu interese, como expertos no sector, en «asesorar e acompañar á Xunta da Galicia nas súas liñas prioritarias mediante unha comunicación directa e accións de lobbing construtivas que permitan crecer a Galicia».
A responsable de Innovación coincidiu na necesidade de colaboración entre a Administración e o sector TIC e agradeceu a súa cooperación nos «últimos e intensos meses de traballo». Tamén incidiu en que o actual goberno está a desenvolver «un proxecto tecnolóxico único no que é esencial xuntar vontades» e destacou que o Clúster TIC nace nun momento interesante no que é importante «sumar».
Desde AETIC sinalaron a importancia do sector eTIC, destacando o impacto transversal que a súa actividade ten na sociedade e o papel que poden desempeñar na saída da actual crise económica. Ademais, chamaron a atención sobre o e de eTIC para alertar do esquecemento do sector máis industrial das empresas TIC xa que, desde o seu punto de vista, o futuro industrial dun país non pode deixar de lado a microelectrónica, a electrónica do automóbil, do naval, da enerxía etc.
Tamén deron conta á secretaria xeral da súa intención de celebrar no último semestre do ano unhas xornadas na Comunidade de dous días de duración para converter a «Galicia no punto encontro do Medio Rural e das Telecomunicacións». Un evento que se celebraría con carácter anual e a nivel internacional.

PUBLICIDADE