Monster Hunter: World terá beta exclusiva para subscritores de PS Plus

luns, 30 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Durante a conferencia de Sony na Paris Games Week a desenvolvedora de videoxogos Capcom anunciou que o xogo Monster Hunter: World contará con beta exclusiva para usuarios de PlayStation Plus entre os días 9 e 12 de decembro, avanzando tamén un contido exclusivo para PS4: a posibilidade de poder contar no xogo co arco de Aloy (protagonista de Horizon Zero Dawn) e o conxunto completo de armadura, así como unha armadura para os Palico.
Na beta do xogo será posible probar 3 temibles misións nas que poderemos xuntarnos a outros cazadores en liña ou enfrontarnos en solitario ás bestas. Poderase abordar ao carroñeiro Great Jagras e ao fero Anjanath no Bosque Antigo, ou internarse nas terras desérticas de Wildspire Waste para atopar ao Barroth.
No evento de París aproveitouse para estrear un novo tráiler no que podemos ver a zona de Rotten Vale, ateigada de esqueletos de monstros falecidos, onde se atopa o Radobaan, unha corpulenta besta que viste os cadáveres dos animais a xeito de armadura.
Monster Hunter: World sairá á venda para Xbox One e PlayStation 4 o 26 de xaneiro de 2018, mentres que a versión para PC do xogo estrearase máis adiante.

Tráiler de Monster Hunter: World estreado na Paris Games Week

PUBLICIDADE