Montblanc conectará os seus reloxos de pulso mediante un accesorio na súa correa
venres, 2 de xaneiro do 2015
A idea de integrar a intelixencia aos reloxos de pulso a
través da súa correa que Kairos propón a través de Indiegogo parece estar a
callar, e a propia Montblanc quere percorrer o mesmo camiño, de xeito que na
súa nova colección Timewalker Urban Speed incluirá
unha correa que converterá os seus reloxos mecánicos nun trebello electrónico wearable.
Para converter os reloxos de Montblanc en smartwatches
presentan unha e-Strap, cunha correa de pel con textura de fibra de carbono que
na súa parte inferior inclúe un módulo electrónico que podería mercarse de
xeito independente, o que facilitará que os consumidores non teñan que elixir
entre mercar un reloxo de luxo ou un dispositivo conectado, senón que poderán
sumar ambos mundos.
A e-Strap conta cunha pantalla táctil OLED de 0,9 polgadas cunha resolución de
128 x 36 píxeles que será onde se amosarán notificacións que cheguen do
smartphone, de xeito que limitaríase a operar como receptor de información
sobre chamadas, mensaxes de texto, correos electrónicos, eventos do calendario,
redes sociais e recordatorios, aos que se engadirían funcións de monitor de
actividade, e que podería controlarse mediante unha aplicación para iOS e
Android, ou sexa, que contaría con funcións moi básicas. Comunicaríase co
teléfono mediante Bluetooth 4.0 e tamén contaría con vibración para as alertas
e podería aproveitarse para, por exemplo, facer a función de disparador remoto
da cámara do smartphone. Grazas a non ser un smartwatch moi avanzado e cunha grande pantalla, non padecerá a súa
principal eiva, e non terá que cargarse a diario, senón que a e-Strap terá unha
autonomía de até 5 días, podendo recargarse mediante un porto micro USB. As súas
dimensións son de 40 x 14,2 x 9 milímetros, o que pode considerarse como un
engadido demasiado voluminoso para colocar na correa dun reloxo.
A Montblanc e-Strap venderíase solta por uns 250 euros, o que parece un prezo
moi axustado se temos en conta que é un accesorio para reloxos que tenden a
superar os tres mil euros.
- A e-Strap de Montblanc estrearase na colección Time Walker Urban Speed