Montegalego.org convida á comunidade internauta galega a apadriñar unha árbore autóctona

martes, 13 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

As nosas fragas tamén se rexeneran a través da Rede ou (en parte) grazas á Rede, sendo esta plataforma o alicerce dalgunhas das iniciativas máis salientables que se están a pór en marcha en Galiza a prol da recuperación dos nosos espazos naturais (logo das desfeitas continuas de cada verán). Como por exemplo Montegalego.org, un proxecto dende o que se convida estes días á comunidade internauta galega a participar de xeito colectivo (man con man) no reverdecemento dos bosques a través dunha medida ben concreta: o apadriñamento ou apadriñamento de árbores autóctonas. Con este fin, na devandita páxina web estanse a organizar itinerarios polo monte galego, co fin de levar a cabo plantacións de árbores en espazos especialmente castigados polo lume ou pola sobreexplotación de especies foráneas (eucaliptos, piñeiros).
Un exemplo disto é a actividade programada para este sábado 17 de marzo (se o clima o permite, claro): un itinerario polo monte de Padrón (moi prexudicado polo lume e tamén a erosión) que servirá para dotalo de máis presenza de castiñeiros, pradairos, madroños ou carballos. En definitiva, especies de calidade que ademais veñen micorrizadas, é dicir: coas condicións precisas para incrementar a vindeira produción de cogomelos. Cómpre sinalar que para apadriñar un destes exemplares, unicamente se nos require acceder á devandita web e achegar os nosos datos persoais, ou ben, acudindo a unha das mesas de inscrición que estarán decote habilitadas na praza de Macías o Namorado de Padrón.

PUBLICIDADE