Mosh: chamamento de Nokia ós seus usuarios para crear rede social

luns, 13 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

Dicíamolo o outro día, facéndonos eco dos consellos de José Luis Orihuela para calquera empresa que queira facer uso da blogosfera para promoverse: cómpre facer rede social. Se non fas comunidade, mellor dedícate a outra cousa. Semella que Nokia vén de aprender a lección polo miúdo, porque Mosh (tamén podemos vela aquí), a súa rede social propia, semella responder a esa necesidade de convocar e reunir que ten hoxe en día calquera establecemento que se prece. A proposta web, que non é nova (foi posta a andar en xuño), xorde tamén do interese da empresa por sacar a meirande cantidade de porcións de mercado (Internet, multimedia e telefonía móbil nos seus aparellos) dunha soa tacada.
Segundo di estes días o galego Juan Varela no seu blog, Mosh cae de caixón. Ou sexa, que o paso máis natural logo de que che ofrezan a posibilidade de gravar vídeos, facer fotos e acceder á Rede vía o móbil é gozar da oportunidade de crear a túa propia rede social. En definitiva: Mosh convida ós internautas a construír, amorear e compartir información, ferramentas e ligazóns, e todo iso a través do móbil. Neste senso, calquera diría que Nokia segue polo libro as instruccións de José Luis Orihuela: ó Lifeblog posto en marcha para promover a creación de blogs dende o terminal, hai que engadir o blog posto ó servizo de Mosh para relatar punto por punto a evolución dunha “criatura” acabada de xurdir, proceso que conta agora coa axuda de participantes, usuarios e colaboradores alleos a Nokia.

PUBLICIDADE