Motorola presenta o seu novo smartphone modular con pantalla anti-rotura

mércores, 26 de xullo do 2017 Marcus Fernández

A familia de smartphones modulares de Motorola non quere desaparecer e continúa a renovarse, de xeito que agora temos o novo Moto Z² Force Edition, que presume dunha pantalla de grande resistencia (con tecnoloxía ShatterShield e garantía anti-rotura de 4 anos), deseño metálico e cámara dual de 12 Mpíxeles que conta cunhas especificacións que o sitúan como un alta gama a ter en conta, estando o seu prezo nos EE.UU. ao redor dos 799,99 dólares.
O Moto Z² Force Edition é un smartphone con pantalla AMOLED Quad HD de 5,5 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 835, 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno ampliable mediante microSD, cámara dual traseira de 12 Mpíxeles (unha de cor e outra de branco e negro), cámara frontal de 5 Mpíxeles, NFC, Bluetooth 4.2 (actualizable a Bluetooth 5.0 cando reciba a actualización a Android 8.0), Wi-Fi AC, compatiblidade con Gigabit LTE, batería de 2.730 mAh que promete aguantar todo o día, un grosor de só 6,1 milímetros e un peso de 143 gramos.
Este teléfono que venderase en cor negra, dourada ou gris non só pode presumir do seu deseño e potencia, senón que tamén é compatible cos módulos Moto Mod, entre os que destaca un novo, que engade unha cámara de 360 graos ao smartphone, aínda que esta Moto 360 Camera capaz de gravar vídeo 4K en 360 graos ten unha imporante limitación: o seu prezo é de 299,99 dólares (ou sexa, que o módulo é máis caro que, por exemplo, a cámara autónoma de Samsung que fai as mesmas funcións).
A Moto 360 Camera destaca fronte a solucións semellantes por incluír o que chaman son 3D, ou sexa, que o son seguiría ao usuario en función do seu punto de vista ao reproducir os vídeos, conseguindo así unha maior inmersión. Entre as vantaxes deste tipo de cámara estaría o poder empregarse tamén para realizar selfies cun impresionante ángulo de visión de 150 graos e tamén o feito de poder realizar transmisións en directo en 360 graos.

Vídeo promocional do Moto Z² Force Edition

PUBLICIDADE