Movistar Plus+ secuestra os subscriptores de La Resistencia en Instagram e TikTok

mércores, 21 de agosto do 2024 Marcus Fernández

A fichaxe do programa La Resistencia do galego David Broncano por parte de Televisión Española está xa a promocionarse por parte do ente público, o que está a ter impacto tanto na programación de TVE en Movistar Plus+, onde o espazo televisivo ocupou 7 tempadas.
No caso de Televisión Española está a resultar rechamante que a estrea de La Resistencia prevista para o vindeiro 9 de setembro provocase a aceleración do espazo Grand Prix, que pasará e emitirse dúas veces á semana (luns e venres) para así despedirse antes da audiencia e deixar o seu espazo libre para Broncano.
Pero o que realmente resulta alarmante é a política de Movistar Plus+ no que respecta ás súas redes sociais, xa que tras a marcha de La Resistencia da súa plataforma quedaron co control da súa conta de Instagram, con máis de 3 millóns de seareiros, aos que secuestraron ao mudar o nome de usuario da conta por @movistarplus (conta orixinal da marca, que contaba cuns 372 mil seareiros), de xeito que deixará de servir para publicar información do programa de Broncano para ofrecer publicacións sobre a plataforma televisiva en xeral, o que é unha mala práctica por atentar contra a vontade dos usuarios, que agora reciben publicacións sobre unha canle diferente á que se subscribiron inicialmente.
Movistar Plus+ tamén tería realizada a mesma práctica en TikTok, onde La Resistencia tiña 5,2 millóns de seguidores, mentres que en Twitter, YouTube e Facebook, onde o programa de Broncano tiña 1, 3,7 e 3,6 millóns de seareiros respectivamente, aínda non se adoptaron medidas.

A canle oficial de TikTok de Movistar Plus+ evidencia que é realmente a canle de La Resistencia usurpada pola plataforma audiovisual ignorando a vontade dos seareiros de Broncano
O Grand Prix acelera as súas emisións para facer oco ao programa de Broncano