Movistar rexistra un relevante pico no tráfico da súa rede por mor do COVID-19

venres, 13 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

As operadoras están a percibir claramente os efectos da pandemia nos seus servizos e nas súas infraestruturas, unhas consecuencias que se materializan, ante todo, nun incremento considerábel da actividade nas súas redes (o que pon de manifesto, unha vez máis, o relevante papel das telecomunicacións ante as situacións críticas, non só para manter informada á poboación e permitir o teletraballo nas mellores condicións senón tamén para favorecer o contacto entre familias separadas e axudarlles, con contidos, a sobrelevar o illamento). Segundo puidemos saber, Movistar rexistrou dende o martes unha suba no tráfico total da súa rede IP de 1Tbps. Esta taxa de medre ficou estábel nos días sucesivos.
Ao parecer, a operadora está a facer seguimento continuo do fluxo que circula pola súa rede e botando man das tecnoloxías avanzadas coas que conta para achar variacións nas rutinas do tráfico. Segundo fixo saber a compañía, o devandito pico ascendente débese sobre todo á forte pegada do gaming (que se triplicou o martes en relación cos días previos), o uso do Whatsapp e o impacto do traballo a distancia, cousa que ficou constatada polo feito de que se multiplicase por catro o fluxo relativo a servizos como Skype e Webex.
O tráfico de voz da rede móbil de Telefónica subiu un 37% en toda España e un 43% en Madrid.

PUBLICIDADE