Movistar terá plataforma de vídeo baixo demanda para clientes doutras operadoras
xoves, 25 de abril do 2019
O presidente de Telefónica España, Emilio Gayo, presentou
esta mañá en rolda de prensa as chaves da estratexia que vai desenvolver a
compañía de telecomunicacións nos vindeiros trimestres, no que supón unha
diversificación da oferta de produtos e servizos.
En xuño será posible contratar o servizo Internet Segunda Residencia, unha nova
oferta de banda larga fixa que permitirá que os clientes de Fusión poidan gozar
de conexión á Rede na súa segunda vivenda a un prezo reducido. Este servizo
custará 15, 20 ou 30 euros/mes para os usuarios de Fusión Total Plus, Fusión
Total e o resto de atrifas de Fusión respectivamente.
Pero a novidade que tamén teremos en xuño resulta máis rechamante, xa que
atende a unha grande demanda de clientes doutras compañías: poder acceder aos
contidos audiovisuais de Movistar. Deste xeito teremos unha plataforma Over-The-Top de Movistar para os que non
son clientes da compañía.
Por
8 euros/mes será posible acceder a través da Internet aos contidos orixinais de
Movistar+ ofrecidos a través de #0 e #Vamos, Movistar Series e Movistar
Seriesmanía. Tamén facilitarán o acceso a eventos deportivos e a un catálogo de
300 series e documentais, 270 películas e 60 programas baixo demanda. Ou sexa,
que Movistar pasará a ser un competidor directo de plataformas como Netflix ou
HBO.
Adicionalmente tamén teñen previsto lanzar un servizo de empréstamos de consumo
(Movistar Money) e de conectividade no automóbil (Movistar Car).
Vídeo no que anuncian as novidades que prepara Movistar