Mudan o deseño interno da PlayStation 5

mércores, 7 de setembro do 2022 Marcus Fernández

Hai preto dun ano a PlayStation 5 mudou lixeiramente o seu deseño interno para albergar un disipador diferente ante as dificultades de abastecemento do disipador orixinal, conseguindo así reducir o peso da consola en 300 gramos, aínda que conseguindo unha peor disipación de calor, e agora están a repetir a xogada, reducindo o peso da consola máis de 200 gramos, pero desta volta o cambio sería para mellor, xa que a PlayStation 5 presentaría un redeseño interior máis importante, conseguindo mellorar a disipación de calor e reducir o consumo entre 20 e 30 watts.
O novo modelo de PlayStation 5 contaría cunha placa base máis cativa, polo que podemos entender que sexa máis lixeira e previsiblemente máis barata, e incluso se especula con que será posible incrementar a súa produción, de xeito que na vindeira campaña de Nadal sería máis doado facerse cunha PS5.
A revisión da PS5 xa está a circular polas tendas australianas, polo que en breve estará tamén presente en Europa.

Vídeo no que podemos ver en detalle a nova PlayStation 5

PUBLICIDADE