Mundos Digitales achega á revolución da intelixencia artificial
venres, 7 de xullo do 2023
A xornada de hoxe
de Mundos Digitales
combinou numerosas actividades no PALEXCO, para os profesionais participantes
no congreso de animación, videoxogos, efectos especiais e a intelixencia
artificial, cun par de relatorios na sede de Afundación abertos ao público
xeral, e no que buscaban explorar a situación actual da intelixencia artificial
aproveitando o grande interese da cidadanía coruñesa sobre a materia (en boa medida
pola elección da cidade como futura sede da AESIA).
O programa desta mañá era bastante completo, comezando con 3 relatorios en
paralelo, o que tamén se repetiu na sesión de tarde, tamén cunha axenda moi
completa, na que destacaba unha
presentación sobre os retos técnicos que supoñen as rodaxes virtuais, tema
de especial relevancia na nosa comunidade por mor do plató virtual co que
contará a Cidade das TIC.
Ás 19:30 a actividade trasladouse á sede de Afundación, onde baixo o título
de Benvidos
á 4ª Revolución o célebre divulgador Carlos Santana Dot CSV fixo
un repaso da evolución da IA nos últimos anos, deixando caer que os grandes
avances que estamos a ver non son máis que unha tendencia que cada vez chegará
a máis ámbitos de xeitos que dificilmente poderemos prever.
A Santana precedeuno Miguel Conde, director xeral de BAP&Conde, quen
aproveitou a ocasión para presentar unha das súas iniciativas, o obserBAPtorio social e cultural de BAP&Conde,
dende o que desenvolveron unha
interesante reportaxe na que afondan en distintos aspectos sobre a intelixencia
artificial para clarexar se estamos ante unha oportunidade ou unha ameaza. O documento elaborado mediante a recompilación de novas, a consulta de expertos e unha enquisa á poboación xeral pode descargarse de balde.
Xornada de peche
O sábado será un
día máis tranquilo no congreso, cunha sesión de mañá que comeza ás 11:00 e que
ten bastante despexada a sesión de tarde para facer oco á cerimonia de entrega
de premios cos que pecha tradicionalmente o congreso, e na que recoñecen aos
mellores profesionais do sector.
Este ano o Premio
Especial Mundos Digitales 2023 recae en Juan Cañada, director of Graphics
Engineering en Epic Games, onde lidera o desenvolvemento de gráficos no equipo
de enxeñería de Unreal Engine. Juan leva máis de 20 anos traballando
apaixonadamente en gráficos por computador, onde desempeñou diferentes
funcións, desde programador a enxeñeiro xefe ou executivo. Tras liderar o
equipo Maxwell Render en Next Limit Technologies durante máis dunha década,
trasladouse a Estados Unidos para unirse a Epic Games e liderar os esforzos
gráficos para Unreal Engine 5. O seu equipo traballa en tecnoloxías gráficas de
nova xeración como Nanite, Lumen, TSR ou Real Time Ray Tracing. O xurado decide
outorgarlle o premio 2023 polo seu pola súa achega á industria en Computer
Graphics.