My Cloud: a nova xeración de discos conectados de Western Digital

mércores, 2 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Western Digital anunciou hoxe a súa nova solución de almacenamento para a vida conectada, o sistema de almacenamento en liña My Cloud, pensado para o ámbito doméstico, e que permite aos seus usuarios organizar, centralizar e manter seguros os contidos dixitais dende os seus ordenadores e dispositivos móbiles, facilitando tamén o acceso a tal información dende a Internet.
O WD My Cloud consiste en discos duros de 2, 3 ou 4 Tb con conectividade Gigabit Ethernet (para conectalos á máxima velocidade ao noso router) e USB 3.0 (para facilitar transferencias masivas moi rápidas tanto de ficheiros do noso ordenador como para, por exemplo verter os contidos dunha cámara dixital, ou incluso para ampliar a capacidade de almacenamento desta solución) dos que polo momento coñécense os prezos dos seus modelos de 2 e 3 Tb (149,99 e 179,99 dólares respectivamente).
Este disco en liña pode empregarse dende varios equipos á vez, contando con aplicacións para Windows, OS X, Android e iOS que facilitan a súa utilización (permitindo o intercambio de ficheiros con servizos en liña como Dropbox, SkyDrive e Google Drive), de xeito que podemos velo tanto como un xeito de centralizar os contidos multimedia da familia así como unha solución de nube persoal; pode empregarse para realizar copias de seguridade automáticas dos nosos ordenadores e incluso pode configurarse para que faga unha copia dos contidos dentro da rede doméstica (para unha maior seguridade). É posible ver esta solución como unha alternativa a servizos de almacenamento en liña, pois ofrecería unha prestacións semellantes, pero sen precisar dun pagamento mensual.

PUBLICIDADE