Nace a web de servizos para desempregados, Portalparados.es

xoves, 3 de setembro do 2009 Raquel Noya

Segundo datos emitidos polos Servizos Públicos de Emprego Estatal (Spee, o antigo INEM) en agosto incrementouse o paro en 85.000 persoas máis ata situarse na cifra actual de 3.629.080 parados, que dentro do malo, e aínda que as cousas non estean para botar foguetes, xa teñen un sitio en liña ao que acudir para obter información sobre axudas, procura de emprego e incluso facer consultas sobre todo o que teña que ver coa súa situación laboral ou psicolóxica. Portalparados.es, que así se chama esta esperanzadora ferramenta, vai dirixida especialmente ao colectivo de persoas (cada día máis numeroso) que, debido á crise, se atopan temporalmente sen emprego e precisan axuda e consellos para atopar un novo. A web, reúne a información dispersada pola Rede nunha única páxina, a fin de que o usuario poida ir a tiro fixo e non andar perdido á súa sorte correndo o risco de ser vítima dun timo ou dunha falsa oferta. Asemade, o portal inclúe un apartado especial dedicado ao asesoramento laboral e psicolóxico do usuario, que o pode axudar, da man de expertos, a levar da mellor maneira posible a carga que supón a perda do traballo e da estabilidade derivada do mesmo. Por outra banda, os creadores do portal, sabedores de que este colectivo non debe renunciar ao ocio nin a distraerse do seu entorno habitual, incorporaron unha sección na que os internautas poden atopar ofertas de viaxes, vacacións ou escapadas a baixo prezo, así como voos gratis en compañías de baixo custe ou entradas sen custe a diversos museos españois. Portalparados tamén dedica un apartado á participación dos usuarios na comunidade, por medio de blogs e un foro no que poder deixar constancia das súas opinións, preocupacións, consultas, ideas ou todo aquelo que desexen cada vez que entren na web á procura de darlle un cambio á súa vida.

PUBLICIDADE