Nace o novo Código Cero

mércores, 7 de outubro do 2009 Xosé María Fernández Pazos

Queridos amigos, hai pouco máis dun mes enviamos unha carta informándovos do proxecto de avanzar na nosa revista Código Cero e no portal codigocero.com. A punto de cumprir oito anos, o portal xa os cumpriu en xullo, iniciamos unha nova andaina.
Oito anos de traballo e ilusión que naceron dun programa de radio dedicado ás novas tecnoloxías, continuaron cun portal de Internet codigocero.com e remataron cunha revista en formato tabloide que hoxe dá paso a un novo proxecto a Revista de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia- Código Cero.
Cremos cumprida unha etapa que vai ter continuidade coa reconversión da nosa publicación en formato revista. Tanto o mensual como o noso portal, Código Cero, abordan unha profunda reconversión para adaptarse aos novos tempos e seguir sendo o referente da I+D+i , da Ciencia e do Medio Ambiente no noso país.
Manteremos a periodicidade mensual, seguiremos a toda cor, cambiamos a formato A4, aumentamos a paxinación, estamos nos mesmos sitios, aumentaremos colaboradores, seccións, opinións, melloraremos o deseño... e todo iso seguirá sendo gratuíto, si, de balde… e en galego. Un gratuíto atípico que, a diferenza doutros, leva moitos contidos e pouca publicidade, a imprescindible para manter a infraestrutura da publicación, a súa difusión e o noso portal cos seus boletíns diarios.
Aproveitamos a ocasión para agradecer nestas liñas aos nosos patrocinadores -empresas, institucións, administracións, organismos e axencias de publicidade- o seu apoio imprescindible para manter a revista e o portal, e esperamos seguir contando con eles nesta nova etapa, xa que, se non, non sería posible.
En Código Cero queremos contar coa colaboración e o apoio de todos, e por iso invitámosvos a que nos propoñades seccións, contidos, críticas e melloras que poidamos facer tanto no noso portal como na publicación impresa. De seguro que tedes moitas.
Gustaríanos agradecer a 50 amigos que nos escribides con propostas e suxestións coa subscrición á revista Código Cero durante seis meses. Facédeo a paxinas@codigocero.com.
Por suposto, esperamos os vosos correos electrónicos e se queredes escribir algo na publicación sobre I+D+i, ciencia ou medio ambiente, non o dubidedes esperámosvos. Unha aperta e as nosas grazas anticipadas.

PUBLICIDADE