Nace unha web multimedia que promociona a historia e a cultura de Pontevedra

mércores, 29 de xullo do 2009 Raquel Noya

Imaxe de José Tuñón tomada da web de La Voz de Galicia

Aqueles e aquelas que coñecemos Pontevedra (tiveramos ou non a sorte de poder vivir nela) e non digamos os veciños e veciñas da cidade que cada día poden perderse polas rúas do seu casco antigo e revivir a época na que botaba a andar a feira franca, que por aquel entón duraba 30 días e tiña lugar na Praza da Ferrería, non podemos máis que enchernos de lecidia cando se levan a cabo iniciativas como as de José Tuñón, un pontevedrés que vén de crear a web Pontevedraparaelmundo.com, para dala a coñecer alén dos nosos lindes. Tuñón, a quen descubrimos a través das páxinas de La Voz de Galicia, comezou este proxecto logo de observar que na Rede había unha falta considerable de webs destinadas a promocionar Pontevedra da maneira que a vila o merecía, é dicir, dándoa a coñecer tanto aos turistas como aos mesmos pontevedreses dunha maneira máis completa que do que se estaba a facer. A súa teima por divulgar a historia de Pontevedra (e non centrarse só na parte destinada ao turismo), comezou hai dous meses, cando Tuñón decidiu poñerse a traballar nunha ferramenta coa que poder achegar a beleza desta vila por todo o mundo: Internet. A web Pontevedraparaelmundo.com, que aínda non estará operativa ata mediados do vindeiro mes de agosto, ten como principal obxectivo que os internautas coñezan a cidade do Lérez tal e como é, sen aditivos, e coa esencia propia que a caracteriza. Para iso, o deseñador web botou man de preto de douscentos vídeos e dúas mil fotografías referentes a monumentos, personaxes, festas e actos, que o autor pretende ir ampliando de xeito contínuo coa axuda dos usuarios e visitantes da web. O portal, que se presenta cunha antiga reprodución da cidade, inclúe ligazóns referentes a Igrexas, Parques e xardíns, Prazas, Rúas, Actos, Entrevistas, Vídeos de Onte e un Álbum, onde o internauta pode atopar cadanseus contidos, achegados con sumo detalle e detenemento. Asemade, todos e cada un dos monumentos inclúen gravacións que buscan ofrecer os aspectos menos coñecidos dos mesmos e acompáñanse da voz en off do autor explicando a historia de cada un deles. Asemade, o sitio complétase con pequenas entrevistas a turistas que recalan na cidade, e incluso con conversacións mantidas con ex alcaldes de Pontevedra “cos que fala de todo menos de política”. Tuñón, que recoñece que esta iniciativa “lle permitiu descubrir múltiples historias da cidade que descoñecía”, solicita a colaboración de todos aqueles que poidan aportar fotos antigas ou calquera outro material de interese para a web, que poden envialas á dirección garciatuvela@hotmail.com.

PUBLICIDADE