Netflix achegará máis de 40 xogos novos este ano

luns, 20 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Dende hai máis dun ano Netflix ofrece aos seus subscritores un interesante catálogo de xogos para móbiles buscando así a súa fidelidade, e aínda que esta oferta de contidos adicionais é descoñecida para a meirande parte dos usuarios, a compañía confía en que funcione a longo prazo, e como mostra disto vén de anunciar que xa levan 55 xogos estreados, que para este ano teñen previsto ofrecer máis de 40 xogos máis e que outros 70 títulos están en desenvolvemento a través de varios socios. Incluso teñen 16 xogos en desenvolvemento nos seus estudios internos, buscando así completar un catálogo de xogos que poida satisfacer a un público moi variado, como tamén fan co seu catálogo audiovisual.
Entre os xogos que ofrecen, hai algúns que amplían os mundos das súas películas e series, como é o caso de Jugando con fuego: Amor y deseo, baseado no reality de éxito en Netflix, que contará cun novo xogo este mesmo ano.
Netflix tamén salienta que Ubisoft asinou para 3 xogos exclusivos para eles, dos que o primeiro, Valiant Hearts: Coming Home chegou en xaneiro, e Mighty Quest: Rogue Palace, que chegará o vindeiro 18 de abril.
Un anuncio bastante curioso é o de que os títulos de éxito Monument Valley e Monument Valley 2, chegarán aos usuarios de Netflix en 2024, sorprendendo bastante que dean conta de xeito tan anticipado duns títulos que xa hai bastante que chegaron ao mercado.
Outro xogo que tamén anticipan dun xeito curioso é o novo xogo de Super Evil Megacorp (responsables de Vainglory e Catalyst Black), que será exclusivo de Netflix e estará baseado nunha próxima estrea da plataforma.
A curto prazo deron conta de que xa está dispoñible o xogo Highwater (no que hai que explorar un planeta asolagado) e o 28 de marzo chegará Terra Nil (xogo de construción á inversa, no que hai que transformar o territorio nun ecosistema cheo de vida).

PUBLICIDADE