Netflix comeza a perder subscritores

mércores, 20 de abril do 2022 Marcus Fernández

Pese ás dificultades, Netflix segue a ser a plataforma de vídeo líder

Nunha carta aos accionistas Netflix recoñece que en 2020 a COVID-19 disparou o seu crecemento, pero en 2021 a situación sanitaria global non foi tan delicada, polo que a compañía perdeu pulo, chegando a un momento histórico nada positivo: a compañía perdeu 200.000 subscritores globalmente no primeiro trimestre de 2022, e prevé que podería perder até 2 millóns de subscritores no segundo trimestre do ano.
Aínda que Netflix mantén a súa posición líder a nivel global, está nunha deriva perigosa, provocada en boa medida polo seu incremento de prezo (que provocaría a perda duns 600.000 subscritores en EE.UU. e Canadá). Se a iso sumamos que competidores como Disney+ ou HBO Max teñen prezos substancialmente inferiores, e a suspensión do servizo en Rusia provocou a perda de 700.000 subscritores, só podemos anticipar momentos difíciles para Netflix.
A compañía de Reed Hastings desvela que actualmente conta con máis de 222 millóns de fogares que pagan polo servizo, mentres que hai preto de 100 millóns de fogares que estarían gozando do servizo a través de contas compartidas, práctica contra a que podería emprender unha ofensiva nos vindeiros meses, con consecuencias complicadas de predicir (tanto podería incrementar as subscricións como provocar o fenómeno contrario).
Non sorprende así que Netflix experimentase unha forte caída nos mercados bolsistas, que desconfían do futuro da plataforma a medio prazo, nun contexto moi competitivo e con cambios nos hábitos de consumo provocados en boa medida pola pandemia.
Entre as medidas para mitigar esta caída de subscritores Netflix estaría a traballar nunha modalidade de subscrición que resultase máis económica ao incluír publicidade, algo ao que a compañía resístese dende os seus inicios, pero que podería ser inevitable.

PUBLICIDADE